venres, 19 de agosto de 2016

Novas no Universo Harry Potter!

Boas, cibernautas!

Despois de moito moitísimo tempo sen publicar ningunha nova, nin recomendación, nin nada en definitiva, voltamos a estes lares para falar, como non, do mellor mago do mundo: Harry Potter. 



Como moitos de vos debedes de saber, o pasado 31 de xullo, con motivo do aniversario de Harry Potter, saiu a venda o libro Harry Potter and the cursed child. Este libro está basado na obra de teatro que leva o mesmo nome, pero non está escrito por J.K. Rowling, escribiuno Jack Thorne basándose no que escribiran Rowling, John Tiffany e el mesmo para facer a obra de teatro, de feito o libro está escrito nun formato teatral co nome de cada personaxe ao principio de cada cousa que di, coma un libro de teatro. Moita xente non o considera o "oitavo" libro de Harry Potter como tal, porque non o é, pero é un libro oficial e aceptado pola escritora da saga, non é un fanfic, É UN NOVO LIBRO DE HARRY POTTER!

Pero claro, o libro saiu o 31 pero en inglés e non sei se está dispoñible neste idioma en todas as librerías do país, secadra se o pides, pídeno e ofrécencho a venda a un prezo algo caro e por internet podédelo conseguir facilmente. Sen embargo, se pensas que en inglés non vas entender nin papa e ti queres comprender ben todo o dito nesta nova historia, pois toca esperar. O 28 de setembro publícase en castelán (da man de editorial Salamandra) co título Harry Potter y el legado maldito. Seino, queda moito tempo para poder lelo, pero é o que queda, hai que resignarse.

Para que non se nos faga moi longa a espera a editorial propuxo unha nova lectura de toda a saga de maneira conxunta. Teño que dicirvos que empezaron con isto xa o 11 de xullo, chego tarde para avisar e agora mesmo están xa no cuarto libro, Harry Potter y el cáliz de fuego. Aquí tedes as datas de lectura que eles puxeron na súa páxina:

  • Do 11 ao 17 de xullo: Harry Potter y la piedra filosofal
  • Do 18 ao 24 de xullo: Harry Potter y la cámara secreta
  • Do 25 de xullo ao 7 de agosto: Harry Potter y el prisionero de Azkabán
  • Do 8 ao 21 de agosto: Harry Potter y el cáliz de fuego
  • Do 22 de agosto ao 4 de setembro: Harry Potter y la Orden del Fénix
  • Do 5 ao 18 de setembro: Harry Potter y el misterio del príncipe
  • Do 18 ao 27 de setembro: Harry Potter y las Reliquias de la Muerte
Se vedes que sodes capaces de ler ata o cuarto libro antes do día 22 para así poder unírvos a esta lectura conxunta, pois xa está e senón vos importa empezar dende o cuarto xa tedes todo amañado. Por certo, os sete libros da saga están dispoñibles en galego coa editorial Galaxia, así que se preferides lelos na nosa lingua non dubidedes.

A historia empeza xusto ao final do último libro de Harry Potter e cóntanos a vida del como traballador no ministerio de Maxia e do seu fillo, Albus Severus, como novo alumno de Hogwarts.

Na miña opinión, penso que é unha lectura obligatoria para todo Potterhead que necesite máis desta historia, porque se Rowling o acepta, eu tamén e para min xa forma parte deste mundo máxico que nos aporta moitísimos máis datos sobre el e sobre Harry Potter que é o sol deste sistema. 

Pasamos a falar de Animales fantásticos y dónde encontrarlos. Fai case un ano publicamos unha entrada na que vos informábamos da data na que se estreaba a primeira película que, recordamos, é o 18 de novembro deste 2016. Pois fai un tempo saiu o trailer oficial da película e deixámolo aquí por sea caso andades tan despistados que aínda non o vichedes.


Non podo esperar a que sexa xa ese día e ir ao cine e chorar da emoción ao ver unha nova película de maxia; ver o trailer xa me emociona a máis non poder. Teño moitísimas esperanzas postas nesta película e espero que non me decepcione, porque o trailer é perfecto. Agora só queda saber como é o filme.

Quero recordárvos a existencia da páxina de Pottermore, xa vos falei dela na reseña do primeiro libro de HP, porque é xenial para saber máis detalles de Harry Potter e de Animales fantásticos y dónde encontrarlos. O que pasa é que agora está integramente en inglés porque cambiaron o formato da web e só está dispoñible nese idioma, pero míradeo polo lado bo, aprendemos un pouco de inglés e tamén de maxia, todo vantaxes. Ademais, fai moi pouco tempo anunciaron a través deste portal a publicación de tres pequenos libros electrónicos que conteñen historias sobre Hogwarts escritos por J.K. Rowling. Estes libros conteñen información que temos dispoñible en Pottermore pero recopilada. O lanzamento desta serie que leva o nome de Pottermore Presents será o 6 de setembro e estarán en varios idiomas, entre eles, en castelán.



Por último, pero non menos importante, quero recomendárvos un canal de Youtube dunha booktuber española que fala de libros e ten unha sección chamada Hablemos de Harry Potter, non ten desperdicio ningún, chámase Andreo Rowling. O último vídeo que subiu é un vlog no que vemos como compra o novo libro de Harry Potter e tamén fai pausas para gravar mentres está lendo o libro, pero non conta ningún spoiler. Con este vídeo case choro da emoción e nin sequera era eu a que estaba lendo o libro, de aquí que estea morrendo por lelo xa e acabar con esta angustia. 

Se tedes intención de participar na lectura conxunta que propuxo Salamandra, deixádenos un comentario nesta entrada e tamén nos podedes dicir que vos parece o trailer da película ou simplemente dicídenos algo.

Esperamos que non pase tanto tempo ata o seguinte post, pero non prometemos nada...

Aburiño!

Ningún comentario:

Publicar un comentario