mércores, 12 de agosto de 2015

Reseña: "El sustituto" de Brenna Yovanoff

"Todo o mundo ten unha procedencia. Un lugar de orixe.
As orixes dalguns son máis simples ca as dos outros, nada máis.
Eu non recordo nada de todo isto, pero miña irmán, Emma, xura que é certo e eu creoa.[...]
      No berce, o neno chora desa forma angustiosa e tensa. A súa cara reluce entre os barrotes. O home entra pola ventá -esquelético, con abrigo negro- e colle ao neno. [...] Xa marchou. Na cuna hai outra cousa.
       Nesta historia, Emma ten catro anos. Levántase da cama e camiña dando pequenos pasos polo chan co seu pixama de corpo enteiro. Cando alarga a man  entre os barrotes, o que hai na cuna acércaselle. Intenta mordela e ela saca a man, pero non retrocede. Pasan toda a noite mirándose na escuridade. Pola mañá, esa cousa sigue acurrucada sobre o estampado de patiños das sábas, mirándoa. Non é seu irmán.
       Son eu."


Que hai lectores?!?!

Co rápido paso destas vacacións e coa proximidade dun novo ano escolar, sinto algo de morriña, así que, unha vez máis escollín unha historia un tanto tétrica para perderme noutro mundo.

"El sustituto", tal e como antes dixen, é unha historia un tanto tétrica, xa que se desenvolve na cidade de Gentry, a cal ten dúas caras moi opostas. Polo día, semella ser un lugar para vivir coma os das princesiñas moi acolledor. En cambio de noite, cando todo está escuro, un segredo da propia cidade esperta para amedrentar aos cidadáns, e recordarlle comprobar dúas veces as pechaduras das casas antes de ir durmir, colgar ferraduras sobre a entrada, ou deixar ofrendas no patio de atrás, porque, aínda que ninguén se atreve a dicilo, todos saben que cada sete anos un neno desaparece, sendo suplantado por algo ao que chaman Sustitutos que non tardan en morrer.

Creo que a descripción que a autora dá da cidade é bastante espectacular, xa que facilita a construcción de cada un do lugar. Persoalmente, sentíame coma nunha película, véndoo todo clarísimo: polo día, a típica urbanización americana coma de bonecas; pola noite, a típica urbanización americana das series policíacas antes de que se cometa o crime: silenciosa, coas rúas vacías, as luces apagadas e, incluso, unha néboa densa. 

O protagonista, Mackie Doyle, un rapaz de quince anos -pálido, misterioso e de ollos negros- despois de escoitar numerosas veces por boca da súa irmá a historia de como o verdadeiro Mackie Doyle foi suplantado por un Sustituto, comeza a crer que algo pasa na impecable cidade de Gentry.

Emma, sente un profundo afecto pola cousa que aquela noite aquel home depositou no berce do seu irmá, e limítase a mentir consecutivamente dicindo: "Meu irmán é normal", "Meu irmán é tímido", "Meu irmán é moi enfemizo", e a maior mentira de todas: "Meu irmán".

A súa nai sabe que o seu meniño desapareceu aquela noite, por iso, limítase a crear para o seu Sustituto unha vida normal, coma se non pasara nada.

O seu pai, o pastor da cidade, é bastante estricto á hora de non chamar a atención para que ninguén sepa o que en realidade é o seu fillo, xa que, en 1931, cando a sustituída foi a filla do sheriff, os cidadáns de Gentry viron como culpable a Kellan Caury, un sustituto que sobrevivíra e se adicaba a arreglar violíns. Como castigo, arrastrárono da súa casa incendiada e agredírono mallando nel coma un polvo, para, finalmente, colgalo dunha árbore no cementerio cunha bolsa tapándolle a cabeza e as mans atadas. O seu cadáver estivo alí durante un mes. 

Aínda que Mackie fai unha vida normal, el e o seu amigo Roswell saben que no fondo, non o é. Algunhas das causas disto son os seus mal estares cando está cerca do sangue ou cando toca algún tipo de metal.

Todo cambia cando a seguinte vítima é Natalie Stewart, a irmá de Tate Stewart. Mackie non acude ao enterro da meniña porque o mero feito de entrar no campo santo, fai que na súa pel surxa o mesmo efecto que a verbena lle fai aos vampiros.

Tate non cre que a súa irmá morrera por enfermidade. Sabe que o que sexa que enterraron aquela tarde de outubro non era a súa doce irmá. E non se molesta en ocultar o que pensa e que en realidade todos saben: alguén entrou na habitación de Natalie e a levou deixando aquela cousa que non pasou da noite con vida. 

Mackie e Tate comezan a entrelazar lazos cun mesmo fin: atopar a Natalie. Isto levará ao rapaz a baixar ao mundo subterráneo dos Sustitutos ao que en realidade pertence e coñecerá a seres sen escrúpulos -como ao Tajador-, verá que os sacrificios  humanos continúan vixentes no S. XX e comprenderá que a compañeira de proxecto de Emma non será únicamente unha compañeira de proxecto.

A razón de que os meus ollos se pousasen nas tapas deste libro foron as propias tapas do libro. Ten unha portada que atrae moitísimo aos lectores que lles guste este tipo de historias, e por encima, o resumo da contraportada esconde con tinta invisible un:  SON IMPRESIONANTE!!!

Unha cousa que me invitou á reflexión nesta historia, foi o feito de que todo o mundo actuase coma se non pasase nada cando, cada sete anos, un dos seus meniños era arrancado do seu fogar, sen oportunidade algunha de volver. Quedeime como, Are you fucking kidding me??!! Pregúntome se hoxe en día, se fósemos trasladados á cidade nun abrir e pechar de ollos, nas circunstancias nas que se desenvolve Gendry, a situación cambiaría.

Posiblemente non rematedes namorados desta vez do protagonista como sairíades por exemplo de seres coma Patch, Jace, Travis, Kirtash, Jack, Gus, Peeta, Kai, Daniel, Fenris, Christian, Légolas, Tobias, Finnick, Scott... pero asegúrovos que as reflexións e os pensamentos de Mackie son propias dun adolescente de quince anos, aparte de que o seu tellado ten unha accesibilidade e unhas vistas impresionantes. E senón, mirade o lado positivo: non haberá que morrer esperando a que saia do libro.

Poida tamén que a simple vista semelle ser un libro de medo, pero en realidade é unha mestura entre un misterio e un amorío contada a través da vida dun rapaz raro. Ten algunhas esceas macabras coma o dos sacrificios, ou a sustitución dos meniños, pero está redactado de forma que úncamente ves o pouco que se cola entre os dedos cos que tapas a cara. 

É unha adicción. Engánchate de tal forma o misterio sobernatural que, tal e coma os Sustitutos, non pasa do día.

Despídome xa deixando unha frase anotada na lista e pertencente a este libro que merece ser recordada e unha canción que atopei o mesmo día que descubrín este libro. Espero que manteña ese vacío de cando rematas un libro como mo mantivo a min en canto o rematei.



"As nosas vidas eran infinitas e ignotas, non eran perfectas, pero eran nosas. Así era a vida en Gentry.
Iso é o que facemos, non hai máis."




E xa sabedes, non?
















Ningún comentario:

Publicar un comentario