mércores, 20 de maio de 2015

Reseña: "Orgullo e prexuízo" de Jane Austen

"Orgullo e prexuízo, publicada en 1813, é un clásico da novela inglesa, ademais dun dos grandes títulos da literatura universal. Obra que adoita ser definida como unha comedia romántica con certa dose de melodrama, predomina nela o carácter costumista, en tanto que comedia de costumes realista, e caracterízase polo recurso á ironía e pola agudeza e profundidade das análises psicolóxicas dos personaxes. 
Porén, un dos seus grandes valores, a miúdo esquecido, reside na exposición didáctica e crítica da situación da muller de clase media-alta no sistema patriarcal de principios do século XIX."

Boas, cibernautas!!!!

Traemos un clásico inglés, Pride and prejudice! Como non, tiñamos que ver que era iso que tiña o Sr Darcy que as ten a todas toliñas, entón dedicimos transportarnos a finais do s.XVIII -comezos do XIX- para ler esta gran historia.

Todo comeza coa chegada do señor Bingley, un home rico que alquila a finca de Netherfield, a Hertfordshire, lugar onde reside a familia Bennet. Esta está composta polo Sr Bennet, a Sra Bennet e as súas cinco fillas: Jane, Elizabeth (ou Lizzie), Mary, Lydia e Catherine (ou Kitty). A Sra Bennet está encantada con que un home con cartos chegue ao pobo, xa que ten unha gran preocupación polo futuro das súas fillas. Isto débese a que ao ser todo mulleres non podían heredar a fortuna familiar, porque sempre tiña que ser un home o que quedara con todo e o que ía quedar con todo viña sendo un primo chamado Sr Collins e as rapazas quedarían desamparadas ao morrer o Sr Bennet polo que a Sra Bennet quere casar a todas as súas fillas. Entón ela ve a oportunidade perfecta de casar a unha delas co Sr Bingley e, para alegría da Sra Bennet, el séntese atraído pola súa filla máis vella , xa que din que é a máis guapa de todas, Jane.

Celébrase un baile en Meryton, un pobo cerca de Hertfordshire, aí as irmáns Bennet coñecen ao Sr Bingley e tamén ao amigo deste, o Sr Darcy. Este mira por enriba do ombreiro a toda a xente, crese mellor ca ninguén por ter máis diñeiro ca eles e tamén toma como que todo o mundo é un inculto, excepto el, que o sabe todo. O Sr Bingley dille que saque a bailar a Elizabeth e este declina a súa proposta alegando que "non a atopa o suficientemente guapa para que mereza a súa atención", a rapaza escoita isto e ,claro está, cabréase (normal). Isto crea un odio contra Darcy que vai crecendo co paso do tempo, xa que hai un personaxe un metemerda que vai facer que aínda empeore máis a imaxe que tiña Elizabeth del.

Despois do baile, a familia Bennet recibe a inesperada visita do Sr Collins, que resulta ser un pedante que non había quen o aguantara e que adora a súa patrona, Lady Catherine de Bourgh, que é tia do Sr Darcy . Viña con intención de casar cunha das súas curmás e elixe a Elizabeth para casar polo que se lle propón; pero ela, claro está, non acepta semellante proposta e, a pesar de que súa nai quere que cambie de opinión, non casa con el. Pero o home non quedou sen casar non, el casa coa mellor amiga de Elizabeth, Charlotte Lucas, unha rapaciña que, miña pobre, é feiña e el ía ser o mellor que ía atopar.

Parecía que todo ía ben na relación Bingley-Jane, pero un día sen máis, el marcha cara a Londres deixando unha Jane triste, xa que lle collera moito aprecio. Ela vai pasar unha tempada a Londres tamén, onde residen seus tios, para animarse algo. 

Mentres tanto, Elizabeth decide ir visitar a súa mellor amiga, Charlotte, que agora vive co seu marido, o primo de Lizzie, o parvo Sr Collins. Alí coñece a Lady Catherine de Bourgh e ve que é unha muller moi recta e moi conservadora. O Sr Darcy visita a súa tia mentres Elizabeth aínda está visitando a Charlotte. Entón por esta parte da obra sucede algo que fai que cambien moitísimas cousas e que se empece a desfacer toda esa rede de prexuizos que tiña Elizabeth cara Darcy, polas cousas que lle contaran del, polo orgulloso que era e ademais que ela aínda tiña o ego ferido polo que dixera de ela no baile de Meryton. A partir deste momento a historia segue un rumbo totalmente diferente ao que te esperabas e xa non paras ata acabar co libro!

Teño que dicir que ao principio estaba disgustadísima con Darcy, non había por onde collelo,!! Sería todo o guapo que ti quixeras mais a súa actitude era pésima. Despois de que pasa o que pasa, sintes un cambio nel que non sei como explicárvolo, vólvese unha ricura e daste de conta de que non te podes fiar do que che digan dunha persoa, senón que a tes que coñecer por ti mesma para poder xulgar. Si, houbo momentos que o tería decapitado polas cousas que dicía, pero hai que darlle unha oportunidade ao home. Ademais, ten un don coas palabras e xa sabedes o que din: ás mulleres namórasenos polos oídos!!

Elizabeth, a protagonista deste gran dramón británico, tamén me deixou algunhas veces algo disgustada, porque confiaba demasiado en todo o que lle decían de Darcy e dende que el dixo iso no baile pois, sempre o trata cunha frialdade e xa non intenta nin coñecer o homiño, di que o odia e punto. Pero xa sabedes o que din:  do odio ao amor só hai un paso...

Non quero contarvos máis, xa escribín demais. Só queda dicir que é un clásico que non vos podedes perder, que se le moi rápido e que xa sabedes o que tedes que facer...


Ata outra!!!!





Ningún comentario:

Publicar un comentario