luns, 30 de marzo de 2015

Reseña: "O retrato de Dorian Gray" de Oscar Wilde


"O retrato de Dorian Gray, a única novela de Oscar Wilde, é un dos maiores clásicos da literatura vitoriana. A obra publicouse orixinalmente en 1890, nunha versión de trece capítulos, que Wilde ampliou a vinte para unha edición de 1891, que é a que se presenta aquí.



O leitmotiv da novela é a eterna xuventude, representada no hedonismo do seu protagonista, o fermoso Dorian Gray. O tema da estética e a función da arte é central en cada unha das páxinas, e pódese resumir co que o propio Oscar Wilde escribe no prefacio:



<<A un home podémoslle perdoar que faga algo útil sempre que non o admire. A única excusa para facer unha cousa inútil é admirala infinitamente. Toda arte é completamente inútil.>>"


Chega as vosas pantallas a reseña de O retrato de Dorian Gray!!!!


Boas queridos lectores,

Levaba unha tempada querendo ler este libro de Oscar Wilde porque lera moi boas críticas sobre a historia e tamén porque se trata dun clásico. Entón decidín embargarme na aventura de comezar a súa lectura (sí, rima).

Todo o libro xira arredor de Dorian Gray, un mozo guapísimo, rubio e de ollos azuis, de boa cuna e preséntannolo coma o home máis guapo do mundo. O pintor, Basil Hallward, queda prendado del dende a primeira vez que o ve e decide facerlle un retrato para que a beleza do rapaz quede plasmada no lenzo para sempre.

Con ler as súas primeiras páxinas xa te dás conta de que a Basil, non só lle gusta o físico do xove Dorian, senón que lle gusta todo del, é dicir, o pintor namorouse do rapaz ou como di a Galipedia, emperrechouse del.
Captura sacada da Galipedia. Tiña que facelo, rinme demasiado.

Basil confésalle a Lord Henry, un amigo del que é un manipulador, un egoísta  e crese un home moi sabio, os seus sentimentos por Dorian. Entón o tal Lord quere coñecer ao mozo que deixou fascinado e que tanto inflúe na arte do seu amigo; o pintor atópase reacio ante esa idea pero ao final ten que claudicar, xa que Dorian aparece na casa para posar para el nese momento.

Lord Henry queda a falar co rapaz mentres Basil o pinta e cóntalle as súas ideas sobre a alma e a xuventude que basicamente resúmense en que o único que vale a pena é a beleza e a satisfacción dos sentidos. Como Dorian é un mozo novo, inocente e moi manipulable, cre todo o que el lle di e cando ve rematado o seu retrato desexa que este sufra o paso do tempo e os pecados que comete, mentres que el sexa sempre novo e conserve a súa beleza.


A partir daquí, Lord Henry garda unha gran fascinación por Dorian e segue falando con el moi a miúdo e como sabe que pode dicirlle calquera cousa que o rapaz vaille facer caso, transmítelle as súas ideas sobre o mundo.



Pasado un mes ou así, Dorian namórase dunha xove actriz, Sibyl Vane, da cal lle encanta a súa maneira de actuar no escenario. Coméntalle isto a Harry, así chamaban os seus amigos máis próximos a Lord Henry, e a Basil e deciden ir vela unha noite.



Resulta que Sibyl fai unha actuación desastrosa e Dorian queda disgustadísimo e dillo a ela e rómpeselle o corazón a pobre rapaza. Entón, el dase conta de que non estaba namorado dela, senón da súa forma de actuar e dille que non a quere ver nunca máis na súa vida.


Ao chegar a casa ve que o seu retrato cambiou, que agora presenta un aceno de crueldade na súa face e empeza a cavilar e cae na conta de que debeuse de cumprir o seu desexo, el sería sempre novo e o retrato sufriría, a pintura sería entón o reflexo da súa alma. 

Dorian intenta quitar esa mueca mandándolle unha carta a Sibyl para pedir desculpas polo seu mal comportamento, pero xa non había volta atrás. As cousas cambiaron e máis que ían cambiar...

Non podo contarvos máis do que pasa a partir diso, senón xa vos conto o libro enteiro, pero vouvos dicir que Lord Henry caeume fatal coma unha patada no cu, e que Dorian, a pesar de ser extremadamente guapo, carece de personalidade e según avanza a historia vaise notando que cada vez está máis influenciado polas palabras de Lord Henry.

Coma sempre, lectura moi recomendábel para estas vacacións e cun aire moi filosófico.

Xa sabedes...

Aburiño!!!!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario