sábado, 17 de xaneiro de 2015

Reseña: "Os vellos non deben de namorarse" de Castelao



"Unha peza dramática concebida por un pintor máis que por un escritor, na que son tan importantes os seus aspectos escenográficos (as máscaras, as roupas, as luces) como os literarios. Trata dos amores de tres vellos imprudentes, don Saturio, don Ramón e o señor Fuco, que teñen a desgracia de poñer os seus ollos na mocedade garrida de tres rapazas guapas: Lela, Micaela e Pimpinela."


Boas, hoxe chega a este espazo unha peza teatral, Os vellos non deben de namorarse!!

Esta obra do autor galego Alfonso Rodríguez Castelao, está dividida en tres lances. En cada acto vaise contando a historia de tres vellos solteiros que queren casar con tres mozas, sen ter en conta a diferenza de idades. Pero a morte está chamando a súa porta literalmente, xa que aparece disfrazada en cada período.

No primeiro acto, cóntasenos a historia dun boticario, chamado Saturio, que bebe os ventos por Lela, unha moza que non está nada interesada nel, aínda que este ten un bo posto de traballo e non lle vai dar unha mala vida. Malia todo iso, ela négase a ter algo co boticario e vai casar co Carabineiro, un home novo no lugar polo que din unhas vellas rexoubeiras nunha escea. Non vos conto que fai Saturio ao saber isto porque senón xa vos desvelo toda a historia.

No segundo acto, aparece ante nós Don Ramón, un vello bebedor que vive ben porque procedía dunha familia acomodada e seus pais deixáronllo todo a el. Este quere casar con Micaela, moza trapalleira que só o quere pola súa comenencia e que argalla o plan de quitarlle todo canto ten ao vello parvo mentres está co Portugués, un mal home. Don Ramón ofreceulle unha leira por un bico a moza e antes de que chegue a onde ela pasan cousas... 

No terceiro acto, sae o máis vello de todos os vellos, o Señor Fuco, un home moi rico que viaxaba moito. El está profundamente namorada de Pimpinela. Esta moza xa ten mociño, pero debido a presión por parte de seus pais, persoas moi ambiciosas que soñan con volverse xente con cartos aínda que teñan que sacrificar a felicidade da súa filla, remata a súa relación con el. Finalmente, casa co Señor Fuco, pero ela lamenta todos os días a súa decisión. Non podo dicir máis deste lance, teredes que ler a obra.

Para rematar coa representación hai un epílogo, do que non vos podo falar, xa que faríavos un spoiler dos finais dos tres actos.

Unha peza teatral moi lixeira e divertida, nunha hora remátala tranquilamente e pásache o tempo voando. Así que xa sabedes...



Adeus, miñas donas e meus señores (como diría Castelao)!!!!!!!!!!




Ningún comentario:

Publicar un comentario